O CEIP A Maía xa é unha zona cardioprotexida coa instalación do desfibrilador a través dunha iniciativa pola ANPA

DesfibriladorANPACEIPAMAia

O CEIP A Maía de Bertamiráns xa é unha zona cardioprotexida. A ANPA A Maía e a dirección do propio centro escolar culminaron onte a instalación dun desfibrilador no exterior do comedor localizado nas instalacións educativas.

A presidenta da Asociación, Elena López, amosou a súa satisfacción por “ter materializado unha iniciativa que se iniciou na pandemia, ao abeiro do Proxecto Salvavidas”. Neste senso, agradeceu a toda a comunidade educativa “a súa colaboración e participación na venda de pulseiras que posteriormente se canxearon por un Desfibrilador Externo Automático (DEA). Sen a súa implicación, isto non sería posible”, conclúe.

Coa instalación deste DEA, “contribuímos a crear un espazo cardioprotexido, nunha zona pola que transcorren a diario arredor de 1.500 crianzas tanto do CEIP A Maía, como do IES de Ames e da Escola Infantil Municipal O Bosque”. Desde a dirección do centro tamén amosaron a súa satisfacción por contar con este servizo e así o transmitiron na estrea do mesmo. Nela, participaron, xunto con Elena López, a directora do colexio, Isabel Abelleira; a xefa de estudos, Inmaculada Rodríguez, e o secretario do centro, Francisco López.

Formación a profesorado

Ademais da propia instalación do DEA, tamén se levou a cabo unha xornada de formación específica dirixida ao profesorado. Este seminario levouse a cabo a finais do pasado mes de xaneiro e contou coa asistencia de 35 profesores e profesoras. Tres doutoras que forman parte da comunidade educativa amesá foron as encargadas de aprender ás persoas asistentes o funcionamento do desfibrilador para poder actuar en caso de que se dea algunha situación que así o requira.

FormacionDEACEIPAMaia