O alumnado do CEIP A Maía gozou dun concerto didáctico para despedir o primeiro trimestre

A ANPA do CEIP A Maía ofreceu onte un concerto didáctico para o alumnado como colofón ao final de trimestre. O patio cuberto acolleu un sesión musical na que profesorado de A Casa do Rock realizou un divertido repaso a grandes éxitos deste xénero.

O alumnado de Educación Infantil e Primaria non deixou de bailar e brincar durante toda a sesión, quedando moi contento de ter participado nesta iniciativa. O concerto didáctico celebrouse tras ofrecerse unha chocolatada en cada clase como despedida antes das vacacións de Nadal.

O repaso musical comprendeu coñecidos singles: desde Elvis Presley ata Tanxugueiras, pasando por Little Richard, Neil Young, ACDC, White Stripes ou Imagine Dragons. Un amplo repertorio que o profesorado de A Casa do Rock acompañou con explicacións sobre os principais instrumentos que utilizaban en cada un dos temas presentados. Ao tempo, animaron ao alumnado a ir movéndose ao compás da música (saltando ou agachándose para despois levantarse e brincar). Un estupendo broche aos tres primeiros meses de clases no CEIP A Maía.

Esta iniciativa promovida pola ANPA do centro educativo foi posible grazas ao apoio da dirección e o profesorado do colexio, así como do Concello de Ames, que cedeu o uso dun escenario para o concerto. Ademais, todas as propostas desenvolvidas pola entidade contan co apoio da Deputación de A Coruña.