O Concello de Ames vén de iniciar o período de exposición pública da modificación do Regulamento da Rede Municipal de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas. O documento pódese consultar aquí e estará exposto ata o 2 de xaneiro, prazo no que se poden enviar opinións e suxestións ao enderezo electrónico natalia.quinteiro@concellodeames.gal.
As modificacións do devandito regulamento, que resultan substanciais con respecto á anterior normativa, tratáronse no último Consello Escolar Municipal e NON acadou a súa aprobación. Desde a ANPA do CEIP A Maía animamos a nais, pais e titores a revisar o documento e a realizar as aportacións que consideren acaídas.
Coa fin de facilitarvos o labor, resumimos os principais cambios que se reflexan no regulamento que estará exposto ata o día 2 de xaneiro:
- Estes servizos pasan de ser un servizo público básico, que calquera familia podía solicitar, a ser un servizo público educativo para promover a conciliación da vida laboral e familiar, polo que só as familias que acrediten a ocupación dos dous proxenitores ou dun no caso de familias monoparentais, poderán ter acceso aos servizos.
- Só poderán acceder ao servizos, tanto nova admisión como renovación, aqueles/as usuarios/as que estean nun das seguintes situación:
- Pai (ou titor) e nai (ou titora) con ocupación simultánea
- Familia monoparental con ocupación laboral
- Proxenitor con custodia compartida, con ocupación, que solicite os servizos de xeito individual na modalidade de usuario por quenda
Entenderase por situación de ocupación: contratación laboral; formación académica presencial, pública ou privada; coidado de familiar por parentesco ou afinidade dependente ata terceiro grao, sempre que a persoa dependente conviva no domicilio do demandante do servizo; prisión; residencia no estranxeiro; outra circunstancia debidamente acreditada que impida ou limite a dispoñibilidade para a atención dun neno/a.
- Na tramitación da formalización da matricula como da renovación é necesario demostrar o requisito anterior mediante a presentación do contrato de traballo e/ou certificado de empresa, ou declaración xurada no caso de traballadores/as autónomos/as dados/as de alta no RETA, que acredite a necesidade do servizo (incluíndo o horario de traballo).
- Modifícase o baremo de selección cando o número de solicitudes sexa maior ao número de prazas ofertadas no servicio, incluíndo a situación de empadroamento ou traballo no temo municipal como o segundo criterio para a adxudicación de prazas.
- Aparece un novo tipo de usuarios/as: “usuarios/as extraordinarios” para dar servizo a aqueles usuarios/as que non están matriculados como fixos ou por quenda e que non cumpre os requisitos para ser un usuario ocasional. Deberá responder a unha causa ocasional e xustificada, que será necesario acreditar xunto coa solicitude.
Lembrade que podedes remitir as vosas reclamacións ou suxestións ata o 2 de xaneiro, data na que finaliza o período de exposición pública.