Comeza a terceira edición do programa Modo Galego, actívao!

ProgramaModoGalegoActivado

Tras a boa acollida do pasado ano, a Real Academia Galega e o Concello de Ames poñen en marcha unha nova edición do programa Modo Galego, actívao! Esta iniciativa pioneira comprende un mes de actividades, entre o 20 de xaneiro e o 14 de febreiro, dirixidas ao alumnado de Educación Infantil e Primaria dos distintos centros do municipio. Como novidade, incorpórase o estudantado de 1º e 2º da ESO dos IES de Bertamiráns e Milladoiro.

A terceira edición deste proxecto de investigación e acción foi presentada no noso centro o mércores 15 de xaneiro contando cunha ampla representación da dirección, profesorado e ANPAs dos distintos centros educativos do municipio. En total, o Modo Galego, actívao! pretende implicar a máis dunha decena de centros educativos do municipio, que están compostos por máis de 2.500 alumnas e alumnos, 180 mestres e 150 profesionais do monitorado no uso da nosa lingua no seu día a día.

Para poder seguir as propostas e sumarvos ao programa, só tendes que consultar a web https://modogalegoames.gal/. Igualmente, dentro das seccións de Infantil e Primaria, poderedes consultar toda a información sobre os retos de cada semana. Así, para estas primeiras xornadas os retos son os seguintes:

  • Martes 21: traer unha peza de roupa de cor azul
  • Mércores 22: traer o obxecto favorito da nena ou do neno e deberán contar por que é especial
  • Xoves 23: traer escrito nun papel á aula unha das cancións na nosa lingua que máis vos guste
  • Fin de semana: ver un filme ou serie que se poden visionar en https://pipocas.amesa.gal/ ou en https://www.xabarin.gal/ e concretar o luns se vos gustou e de que trataba

Por cada desafío cumprido, a rapazada recibirá un adhesivo que representa un superpoder co que completar unha sorte de cartilla do programa, deseñada por Ruth Caramés.

Implicar a todas as familias no uso do galego

A presentación do programa no CEIP A Maía, estivo presidida polo alcalde amesán, Blas García; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o coordinador do Seminario de Sociolingüística desta entidade, Henrique Monteagudo; a directora do noso centro, Isabel Abelleira, e a técnica de Normalización Lingüística amesá, Rosa Moreiras. Na súa intervención, o rexedor de Ames asegurou que “o galego forma parte dun patrimonio inmaterial que debemos conservar e protexer, suma valor engadido e a súa utilización supón unha fortaleza”. Neste senso, ratificou o compromiso do Concello con iniciativas de activación e fomento do uso da nosa lingua en todos os contextos.

PresentacionModoGalegoActivaoCEIPAMaia

Pola súa banda, Víctor F. Freixanes explicou aos nenos e nenas asistentes á presentación que o programa Modo galego, actívao! propón “unha especie de xogo e animámosvos a que o compartades cos vosos amigos e amigas, coa veciñanza e a familia, porque a lingua é algo que facemos entre todos, como un río no que navegamos conxuntamente e que precisa de vós para avanzar cara ao futuro”.

Finalmente, Henrique Monteagudo salientou a necesidade de “impulsar intervencións sobre o terreo coa colaboración dos distintos axentes institucionais, co profesorado, coas familias, e explorar novas maneiras de traballar máis efectivas e que sexan avaliables e replicables noutros municipios. Facermos, en definitiva, un traballo racionalizado no terreo da normalización no que se determine cal é a situación de partida e cal é a posterior, observando ata que punto se consegue coas medidas desenvolvidas o efecto que se busca”, concluíu.