Chega a Festa de Fin de Curso do CEIP A Maía! Agardámosvos o venres 20 na contorna do Pazo da Peregrina!

CartelFiestaFinDeCurso25

Un ano máis, a ANPA CEIP A Maía celebrará a xa tradicional Festa de Fin de Curso. A celebración terá lugar este venres 20 de xuño entre as 17.00 e as 20.00 horas na contorna do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, contando con multitude de actividades gratuítas.

Como en anteriores ocasións, as crianzas asistentes, que deberán estar sempre acompañadas por unha persoa adulta, terán á súa disposición 3 inchables, outros tantos espazos de pintacaras, ademáis de distinto tipo de obradoiros a cargo de monitorado.

Unha das grandes novidades desta edición, e tras o éxito da sesión de Nadal, será a incorporación ao programa dun Concerto Didáctico de A Casa do Rock, que terá lugar ás 18.00 horas e durará aproximadamente 60 minutos. O profesorado deste centro educativo de Santiago ofrecerá unha completa sesión chea de grandes éxitos do rock e adaptacións de singles de recoñecidas bandas.

Colaboración da comunidade educativa

Seguindo a iniciativa do pasado ano, a ANPA porá a disposición das persoas asistentes vasos reutilizables con cordel coa fin de reducir os resíduos na contorna do Pazo da Peregrina. Para poder utilizalos, cómpre achegarse ao posto que a ANPA terá no recinto e entregar unha fianza de 1 euro, que se devolverá unha vez se entregue de novo o vaso. Animámosvos a contribuír ao coidado da nosa contorna!

Por outra banda, desde a ANPA CEIP A Maía solicitamos a colaboración das familias do alumnado do noso centro educativo nos labores de montaxe e recollida da Festa de Fin de Curso. Entre todas e todos poderemos deixar todo como estaba canto antes! Ademais, todas aquelas persoas que queiran poden achegar comida -a froita será sempre estupendamente recibida- para complementar a merenda que se preparará desde a ANPA.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración de diversas empresas e entidades do municipio. Así, a Festa de Fin de Curso da ANPA A Maía conta co apoio do Concello de Ames e da Deputación de A Coruña, ademais da colaboración de XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames); Supermercados Froiz e Feiraco.

Agardamos que poidades acudir á nosa Festa de Fin de Curso e que nos axudedes tanto na entrega de comida como na montaxe e desmontaxe deste evento. Grazas pola vosa colaboración!