A ANPA do CEIP A Maía presenta un escrito ao Concello de Ames deixando constancia do mal estado en que se atopan as instalacións do patio cuberto e do colexio

A ANPA do CEIP A Maía vén de presentar un escrito por rexistro municipal dirixido ao alcalde do Concello de Ames, Blas García, e á concelleira de Educación, Beatriz Martínez, no que se dá conta das deficiencias que presentan tanto o patio cuberto do colexio como o propio comedor. No devandito documento anéxase unha escolma de imaxes que reflicten o mal estado dunhas instalacións que utilizan a diario centos de estudantes.

Neste senso, desde a ANPA concrétase que, debido ás choivas dos últimos días, «o patio cuberto atópase anegado, e con múltiples charcos en varias localizacións, o que impide o correcto funcionamento da actividade de Educación física propia do alumnado do centro». Un espazo que tamén se torna impracticable para as persoas usuarias tanto das actividades extraescolares da ANPA como das Escolas deportivas do Concello de Ames, en disciplinas como tenis, baloncesto ou patinaxe.

Sobre isto, a ANPA explica que nas últimas semanas teñen sido varios os días en que non se puido usar o patio, «interferindo, así, na realización das actividades e, ao mesmo tempo, na conciliación familiar». Cómpre salientar que este tamén é o lugar onde se realiza a agarda e entrega do alumnado que usa os Servizos Complementarios de Comedor e Tardes Divertidas, que tamén ven o seu funcionamento normal limitado debido ao mal estado das instalacións. Aínda que no último ano se realizou unha intervención desde o Concello no patio cuberto, coa colocación de lonas en dous dos laterais, á vista está que a medida resultou de todo insuficiente para respostar ás demandas dun espazo que é o único con capacidade para albergar ao alumnado de forma conxunta.

Por todo isto, desde a ANPA solicítase unha nova avaliación por parte do Concello para buscar de xeito urxente solucións ao patio cuberto, de xeito que se poida viabilizar o seu uso normal. Conclúe o escrito solicitando tamén a revisión do comedor escolar, xa que rexistra tamén deficiencias nas instalacións, con goteiras e roturas no falso teito debido ás filtracións de auga.