A ANPA do CEIP A Maía presentou onte no rexistro da Consellería de Educación un escrito dirixido ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, solicitando o urxente arranxo das graves deficiencias estruturais que presentan as infraestruturas do noso colexio. As devanditas deficiencias están a causar problemas no acaído desenvolvemento da actividade lectiva diaria, polo que se reclama a toma de medidas de subsanación á maior brevidade posible.
O documento rexistrado vai acompañado dunha escolma de imaxes onde se reflexa o mal estado en que se atopan as instalacións. Entre as cuestións máis graves cos que o alumnado e profesorado se ten que atopar a diario cómpre salientar as goteiras, filtracións de auga , mofos nas paredes e mesmo rotura de placas do falso teito co consecuente risco de desprendemento das mesmas. Do mesmo xeito, parte da carpintaría do centro marcos de fiestras e portas atópanse agretadas e practicamente inservibles.
Por outra banda, tamén se pon de manifesto a necesidade de que se cubra completamente o patio localizado entre os edificios de Educación Primaria e Infantil, xa que a medida de colocar lonas só en dous dos laterais non resulta efectiva. Precisamente por isto, e dados os sucesivos temporais destas últimas semanas, houbo varios días en que o alumnado non puido realizar a clase de Educación Física ao non atoparse este patio cuberto nas condicións necesarias para a práctica do deporte. Unha situación que tamén é extensiva ás diferentes actividades extraescolares que se desenvolven neste espazo e que causa un grave perxuízo á rapazada que o usa.
Desde a ANPA do CEIP A Maía continuaremos traballando a prol de solucións efectivas para mellorar a situación na que se atopan actualmente as instalacións educativas. E estas pasan pola proirización dun proxecto para o arranxo integral da cuberta do centro, que presenta graves deficiencias, sendo gran parte da orixe dos problemas actuais.



