A ANPA do CEIP A Maía desenvolve un proxecto solidario con centros escolares afectados pola DINA en Valencia

CartasViaxeirasCEIPAMaia

A ANPA do CEIP A Maía vén de desenvolver unha iniciativa solidaria con centros escolares afectados pola DINA en Valencia. Baixo o nome de Cartas Viaxeiras, o alumnado do colexio -tanto de Educación Infantil coma Primaria- traballou na elaboración de creatividades e mensaxes de ánimo para escolares de colexios afectados pola catástrofe natural.

Esta iniciativa conta coa colaboración da dirección e do profesorado do CEIP A Maía. “Desde a ANPA entregámoslles unhas cartolinas feitas dun material especial para que o alumnado das distintas clases elaborase as súas creacións, en forma de debuxos, mensaxes de ánimo ou felicitacións de Nadal”, explican desde a Asociación de Nais e Pais do Alumnado deste colexio amesán.

As creatividades foron elaboradas durante a pasada semana nas distintas aulas e entregadas de novo á ANPA que se encargará de encadernalas e remitilas aos centros afectados pola DINA. Serán un total de 9 cadernos os que se enviarán coas creatividades do alumnado do CEIP A Maía.

“Nesta fase de envío colabora o Concello de Ames, que se encargará de contactar coa Consellería de Educación da Comunidade Valenciana coa fin de facer chegar estas Cartas Viaxeiras a aqueles centros educativos que consideren oportunos. Deste xeito, queremos achegar os azos do alumnado do noso colexio, ao tempo que desenvolvemos un proxecto colaborativo que promove valores como a empatía e a solidariedade entre o alumnado”, concretan desde a ANPA.

CartasViaxeirasCEIPAMaia2CartasViaxeirasCEIPAMaia3

Desde a Asociación de Nais e Pais do CEIP A Maía agradecen a implicación tanto da dirección e do profesorado do centro como do Concello. “Agardamos que este proxecto sirva para achegar un sorriso ás comunidades educativas dos centros afectados pola DINA de Valencia”, conclúen desde a entidade.

Concerto didáctico de fin de trimestre

Outra das iniciativas que desenvolve a ANPA do CEIP A Maía comprende a organización dun concerto didáctico para o alumnado do centro. Esta proposta correrá a cargo do profesorado de A Casa do Rock, centro de formación e produción musical localizado en Santiago.

ConciertoDidacticoCEIPAMaiaCasaDoRock

A sesión terá lugar este xoves, como colofón á chocolatada que se ofrecerá nas distintas aulas do centro. Neste concerto, realizarase un repaso á evolución da música ao longo do tempo: desde Elvis Presley ata as Tanxugueiras. Así, o alumnado de Educación Infantil e Primaria gozará dunha hora de sesión musical na que se achegarán grandes singles deste xénero, entre os que se atopan os seguintes:

  • Neil Young: Forza para un mundo libre/Keep on Rockin’ in the Free World
  • White Stripes: Seven Nation Army
  • Elvis Presley: Jailhouse Rock
  • Scorpions: Rock You like a Hurricane
  • Tanxugueiras: Terra
  • Jerry Lee Lewis: Great Balls of Fire!
  • Little Richard: Tutti Frutti
  • Maneskin: Beggin
  • Queen: We Will Rock You
  • Imagine Dragons: Believer
  • ACDC: Highway to Hell

Esta iniciativa conta tamén coa colaboración do profesorado do colexio, que facilita a asistencia á actividade, así como o coñecemento sobre estas cancións. A proposta tamén conta coa colaboración do Concello de Ames, que aportará o escenario no que se ofrecerá esta sesión musical didáctica. Un xeito diferente de despedir as clases ata o novo ano 2025.